Escultura realizada en madeira policromada que representa a unha Inmaculada Concepción pisando á Hidra das Sete Cabezas. Neste caso, a figura bestial situada aos pés da Virxe adopta unha forma monstruosa, un ser híbrido con corpo de dragón do que emerxen sete cabezas, das que unha está coroada. Sobre él, a Virxe avanzada co seu pé esquerdo sostida por un pequeno crecente lunar. María aparece vestida con unha túnica branca, cos brazos cruzados sobre o peito e cuberta por un belo manto de cor azul, o cal adquire gran amplitude dando a sensación de ser animado polo vento no seu sentido ascensional. A figura, con rostro sereo, mostra a cabeza ladeada cara a dereita, mentres unha coroa composta por doce estrelas de seis puntas completa o conxunto.
Parte da riqueza desta obra reside na súa excelente policromía. Os tons oscuros que decoran a besta (terrosos e verdes principalmente) contrastan ca pureza que transmite a imaxe da Inmaculada. Así, María móstrase cunha túnica branca que, por medio de tons crus, simula encaixes de seda. Polo que respecta ao manto, de cor azul, constitúe o elemento de maior riqueza. Destaca a banda que adorna a prenda na súa parte baixa, na que se observa unha bonita cenefa dourada adornada con un patrón a partir de flores de lirio, remarcando así a virxinidade de María.
Polo demáis, a obra aparece citada nun documento do ano 1690: “Una Ymagen de Ntra Sra de la Concepcion sobre un Monte con la Ydra de siete cabezas, y el Aguila la cual estaua reconocida y estimada…” (Monforte, Archivo del Convento de Santa Clara, P. I. N. 1r.).
Dita cita documental permite vislumbrar a posible falta de encaixe entre a base da peza e a peana que ten na actualidade. Esta falta de correspondencia permite pensar na existencia doutra peana en orixe, a cal figuraría a imaxe do citado “Monte”.
- Lorenzana Lamelo, M.ª L. (1986) Aportación documental al estudio histórico-artístico de dos fundaciones monfortinas: el colegio de la Compañía y el Convento de las Clarisas. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.
- Sáez González, M. (2012). Del Reino de Nápoles a las Clarisas de Monforte de Lemos: escultura del siglo XVII en madera. Lugo: Diputación de Lugo.