Inmaculada Concepción realizada en alabastro por un artista sen identificar. A imaxe segue un tipo iconográfico creado por Gregorio Fernández. Así, vemos unha Virxe coroada, firme e en actitude orante, cuberta por un manto de tipo campaniforme. Aos pés de María, tres querubíns emerxen entre as nubes, o que contribúe a reforzar a dimensión celestial da escena.
O carácter táctil do material ofrece unha imaxe de gran beleza, enriquecida polo colorido da policromía e pedrería engastada da vestimenta. O manto mantén a cor material, o alabastro, complementada pola pedrería de cores engastados que describe un patrón repetido en toda a prenda. En canto á túnica, esta está decorada con distintos motivos florais, dominando os tons verdes, rosáceos e azulados.
Polo demais, o cabelo castaño da Virxe cae con liberdade sobre o manto, aportando certa dose de naturalismo á figura. Sobre a súa cabeza, unha coroa con nimbo en bronce sobredourado remata o conxunto, símbolo da santidade e maxestade da Nai de Deus.
A escultura repousa sobre unha peana decorada con pequenos apliques de bronce, que reforzan o seu carácter ornamental.
- Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.