Pequeno colgante relicario que contén as limaduras das cadeas do cativerio dos santos Pedro e Pablo. Trátase dun pequeno receptáculo en forma de libriño que contén dúas chaves no seu interior, unha de prata na súa cor e outra sobredourada, as cales conteñen as limaduras das cadeas referidas. Ditas chaves aparecen colgadas en posición vertical, e son visibles a través do cristal da pequena porta do anverso. A caixiña de depósito das reliquias ten, como dixemos, forma de pequeno libro e está realizada en prata sobredourada.
No tocante a súa decoración, destaca o gravado do reverso, no cal se representa a San Pedro encarcelado e encadeado á parede. De igual modo, chama a atención a secuencia cromática debuxada polos esmaltes do borde do libriño, en alternancia rítmica de tons negros e brancos, así coma a decoración floral, tamén en esmaltes, no lomo da caixiña.
Por último, convén indicar que esta peza aparece citada no inventario de reliquias do convento:
En un librito de oro con dos llaves de lo mismo están dentro Limaduras de las Cadenas de San Pedro y San Pablo, que el Papa Paulo V envió al Conde de Lemos Don Pedro Fernández de Castro siendo Virrey de Nápoles (Monforte, Archivo del Convento de santa Clara, papeles sueltos; apud Sáez González, 1987: 212).
- Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Sáez González, M. (1987). La platería en Monforte de Lemos. Lugo: Diputación de Lugo.