Pintura ao óleo sobre lienzo que retrata á fundadora do Convento da Purísima Concepción de Monforte de Lemos, D.ª Catalina de la Cerda y Sandoval.
Condesa de Lemos e vicerraíña de Nápoles, a dama aparece representada nesta ocasión como monxa clarisa, xa como Sor Catalina de la Concepción, nome que adoptou tralo seu ingreso no covento. Así, observamos a unha muller de mediana idade, en pé e vestida co hábito da Orde, composto por unha túnica marrón, toca blanca, manto negro e cordón de cinco nudos. Na súa man dereita recolle un libro de oración situado sobre unha mesiña. No tocante ao rostro, a súa mirada penetrante ofrece unha gran serenidade interior, aspecto que concorda coa actitude de desprecio ao mundo manisfestada a través globo celeste situado aos seus pés.
O instante captado transcorre nunha estancia de pequenas dimensión, enmarcada por unhas cortinaxes encarnadas e cunha tenue iluminación, a cal se proxecta directamente sobre a silueta da retratada.
Polo que respecta á datación da obra, esta debeu ser realizada nalgún momento posterior ao seu ingreso como monxa no convento, o cal tivo lugar no ano 1633, e anterior ao 1648, momento no que entrega a súa vida ao descanso eterno. Por outra banda, a obra posue unha inscrición ilexible na súa parte superior dereita.
Por último, compre sinalar que esta obra fai conxunto na colección co Retrato do Duque de Lerma, pai de Sor Catalina.
- Chamoso Lamas, M. y Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
- Sáez González, M. (2018). Coleccionismo y almoneda del gran Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro. Lugo: Diputación de Lugo.