Pintura ao óleo sobre táboa que representa a Santa Clara, protectora espiritual do Convento da Purísima Concepción de Monforte de Lemos. Trátase dunha obra cunha datación probable no primeiro terzo do s. XVI e atribuible ao coñecido como Maestro de Astorga.
Na imaxe, vemos unha equilibrada escena que transcorre nunha estancia abalconada que se abre cara unha cálida paisaxe. A figura de Santa Clara aparece nun primeiro plano e a súa silueta se recorta sobre unha colgadura téxtil decorada con motivos vexetais que pende do teito.
O artista segue a iconografía tradicional á hora de representar á santa italiana, ao presentala coa hábito de clarisa, o báculo e a custodia coa exposición do Santísimo Sacramento, en clara alusións aos episodios acontecidos no convento de San Damián no ano 1230. En conxunto, o artista foi capaz de lograr un ambiente de gran recollemento a través dunha meditada composición e un elegante cromatismo.
No tocante á orixe da peza, o propio esquema comnpositivo mostra as características propias do citado Maestro de Astorga: estancia abalcona que abre a unha paisaxe no fondo, a colgadura téxtil, figura en primeiro plano, o chan abaldosado, coidada selección cromática, etc.
Polo demais, decoñecemos o modo de ingreso desta peza no convento monfortino, a cal puido formar parte en orixe dun retablo composto por outras tablas de semellantes características. A hipótese de partida podería ser o despezamento e posterior regalo dunha parte do retablo que, por razóns obvias, tería unha especial significación para a comunidade de Clarisas de Monforte de Lemos.