Ir o contido principal

Urna Relicario do Cravo

Urna Relicario do Cravo
Autor
Localización
Clasificación
Lugar de orixe
Estilo
Século
XVII
Cronoloxía
s. XVII (primeira metade)
Descrición

Urna relicario realizada en prata e cristal que contén a reliquia dun dos cravos da Crucifixión. O conxunto integra sabiamente e de maneira armónica elementos de diversa natureza. Así, na parte superior é posible observar unha urna rectangular con tapa troncopiramidal realizada a partir dunha estructura de prata e cerramento en lámina de cristal. Este modelo garda certo paralelo coas arquetas relicario custodiadas na colección, mostrando, sen embargo, unha evidente maior riqueza de materiais. Así, a tapa superior mantén os cristais laterais que permiten ver o contido da caixa, mentres que no extremo superior o elemento de remate aparece coroado por unha cruz latina realizada en prata sobredourada.

En canto á diáfana caixa, esta permite ver a reliquia que contén no seu interior: un dos cravos da Crucifixión de Cristo. Dito elemento repousa sobre un azafate de prata, o cal está decorado cun entrelazo composto por unha doble secuencia trenzada de bandas en zig-zag, e que na súa base mostra unha decoración de motivos florais. Polo demais, o cravo aparece suxeito a este elemento mediante dous cordeliños posicionados nos extremos, dos cales o inferior presenta varias peziñas de alxofre. Por outra banda, a estructura da urna mostra unha elegante decoración que combina o elemento estructural en prata na súa cor, pequenas láminas de cristal con molduras en prata sobredourada, flores de seis pétalos e catro estípites antropomorfas adheridas as esquinas e realizadas tamén en prata. De igual modo, esta caixa principal presenta, no frente inferior, un elemento decorativo presidio pola imaxe dun anxelote, que, polo demais, fai de elemento sustentante dun pequeño marco-relicario sostido por cadeas e que custodia as reliquias de San Martin (anverso) e San Clemente (reverso), identificadas en ambos casos  polas súas respectivas cartelas.

O conxunto conformado pola urna e o marco-relicario aparece sostido por dous anxos de prata de bela factura. As dúas figuras mostran, en ámbolos casos, unha grande preocupación polo estudio anatómico e o movemento. De este modo, estamos ante dous anxos de aspecto xove e corpos ben proporcionados, os cales revelan atención polo detalle. Destaca o cuidado mostrado polo artista en aspectos como a expresión dos rostros, a curvatura das ás e a amplitude dos mantos, unha tensión dinámica que se tradúce nunha diagonal que contribúe a suavizar a rixidez das formas rectas que dominan a peza.

Polo demais, ambos anxos aparecen apoiados sobre unha peana moldurada de sección case rectangular que presenta un leve retranqueo na parte frontal. No seu espazo superior, lugar onde se moven os dous grandes anxos, a peza mostra unha decoración floral gravada a buril. No tocante a parte intermedia, esta presenta nas esquinas unha serie de elementos decorativos de idéntica factura, conformados por querubíns acompañados dunha especie de volutas con boliñas. Na parte frontal, esta caixa inferior contén varias reliquias identificadas por cartelas. Así, no espazo retranqueado central, flanqueado por unha decoración composta por catro anxelotes, unha teca ovalada garda as reliquias de San Xulián (un dente) e Santa. Basilisa. Pola súa banda, nos corpos máis avanzados dos laterais, sendas tecas circulares serven igualmente para depósito de reliquias.

Por último, convén sinalar que esta peza puido constituir un agasallo do VIII Conde de Lemos, Francisco Ruíz de Castro, a Catalina de la Cerda y Sandoval. A urna aparece citada na documentación do convento: 

En una arquilla de cristal guarnecida de plata está un clavo de los con que enclavaron á Cristo nuestro Señor en la Cruz, que se le dieron al Padre fr. Agustín de Castro siendo Embajador en Roma, y la certificación está en el Archivo, de su misma letra y mano (Monforte de Lemos, Archivo del Convento de Santa Clara, papeles sueltos, 3r. apud Sáez González, 1987: 211)

Bibliografía
  • Chamoso Lamas, M. e Casamar, M. (1980). Museo de Arte Sacro Clarisas de Monforte. Madrid: Caja de Ahorros de Galicia.
  • Lorenzana Lamelo, M.ª L. (1986) Aportación documental al estudio histórico-artístico de dos fundaciones monfortinas: el colegio de la Compañía y el Convento de las Clarisas. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.
  • Sáez González, M. (1987). La platería en Monforte de Lemos. Lugo: Diputación de Lugo.
  • Valle Pérez, J. C., y Fernández Otero, J. C. (1993). Os Museos da Igrexa en Galicia. Ourense: Xunta de Galicia.
Material
Prata
Cristal
Técnica
Fundido
Moldeado
Cincelado
Repuxado
Sobredourado